Thursday 16 de May de 2024

O Concello de Carballo licita por 700.000 euros as obras de abastecemento de auga a varios lugares de Sofán e Verdillo


Nestes momentos temos en marcha proxectos hidráulicos en distintos puntos do territorio por 1,2 millóns de euros

O Concello de Carballo xa ten en licitación as obras de construción da rede de abastecemento de auga á zona baixa da parroquia de Sofán e a varios lugares de Verdillo. O proxecto está valorado en 700.171,12 euros, e as empresas interesadas en executalo teñen de prazo ata o día 28 deste mes de novembro para presentar as súas ofertas.

As actuacións previstas beneficiarán á veciñanza dos lugares de Bolón, Sofandónigo, Campo de Arriba, O Pilro, Quintela, A Tapia, O Forno, Periscal de Abaixo, Periscal de Arriba e A Praza, en Sofán; pero tamén permitirán completar o servizo na veciña parroquia de Verdillo, en concreto nos lugares de Regueira de Arriba, Regueira de Abaixo, Chacín e A Redonda. En total instalaranse 17.178 metros de tubaxes.
Coa licitación deste proxecto, o Concello de Carballo ten en marcha nestes momentos obras hidráulicas por 1,2 millóns de euros. O groso do investimento realizarase na zona rural, xa que, ademais dos 700.000 euros consignados para levar o auga a varios lugare de Sofán e Verdillo, tamén está en fase de contratación unha actuación para dotar de saneamento o núcleo do Igrexario de Lema e para completar as redes de abastecemento e saneamento en Arnados (Razo). O orzamento neste caso acada os 184.446,94 euros.

No Igrexario procederase á instalación de 1.146 metros de tubaxes e 33 pozos de rexistro. En Arnados está previsto colocar 798 metros de canalizacións e 26 pozos de rexistro para a rede de saneamento, pero neste caso tamén se inclúe o abastecemento de auga ás zonas do núcleo ás que non chegou a rede principal, para o que será preciso instalar 525 metros de rede.

Melloras na zona urbana

Tamén están en marcha dous proxectos para mellorar os servizos de abastecemento e saneamento na zona urbana.

Por unha banda, a empresa Gestagua executa un total de 17 actuacións cuxo obxectivo é mellorar as presións na rede de abastecemento, a cloración e a garantía de subministro, e que se levan a cabo nas seguintes rúas: Antón Fraguas, Muíño, Río Miño, Avenida da Milagrosa, Río Anllóns, Enxeñeiro Barreira, Andoriña, Gran Vía, Vázquez de Parga, Muíño, Mendel, Camiño do Bosque, Pan, Gardenias, Severo Ochoa, Tarragona, Dalias, Naciente e, xa no polígono de Bértoa, Lousa e Titanio.

A actuación, que inclúe tamén válvulas e reposicións de 1.033,50 metros cadrados de pavimento e 550,50 de lousa das beirarrúas, foi adxudicada por 155.297,46 euros.
Co obxectivo de mellorar a rede de saneamento, reparando treitos que están deteriorados ou implantando o sistema separativo de fecais e pluviais en zonas nas que existe rede unitaria, tamén está en licitación outro proxecto por importe de 173.622,10 euros.

Neste caso, as melloras realizaranse nas seguintes rúas: avenida da Milagrosa, rúa Compostela, Emilio González López, rotonda da Ponte da Pedra, rúa Emilia Pardo Bazán, Vázquez de Parga, Canteiros, Oriente e Andoriña, que mellorarán o servizo nesas rúas e tamén nas súas contornas.